Roteiro das Mouras

Lonxitude: 5.600 m
Duración: entre 1 e 3 horas
Dificultade: baixa  

Percorrido duns 5,6 quilómetros, de baixa dificultade, que percorre as beiras do río Batán e no que se poden ver castros, petróglifos, mámoas...

A rota xira en torno ás moitas lendas de mouras que posúe esta parroquia pontevedresa. Parte do Monte das Croas, antigo castro protagonista da famosa lenda da moura do monte das Croas, recollida por José Casal y Lois alá polo 1866 e que sería publicada e popularizada na obra Las leyendas tradicionales gallegas de Leandro Carré Alvarellos. A moura das Croas habita nun pazo soterrado baixo o castro e na súa encantada morada garda grandes tesouros e alfaias.

Tras visitar o castro, emprendemos a nosa andaina polos muíños do Batán, magnífico exemplo da tecnoloxía preindustrial de grande interese etnográfico ancorados no fermoso treito do río Batán, ou Outeiro, que discorre entre a AP9 e a ponte do Batán, baixo a que, segundo a lenda, se agocha tamén un fabuloso tesouro encantado.

Monte das Croas,
Ponte do Batán,
Fonte de clara auga fría
Monte de Samariné,
Tiran co ouro as ovellas
E non saben ó que é.

Os muíños do Batán son un conxunto formado por catro muíños de rodicio horizontal, tres deles de planta rectangular e teito a unha auga, e un máis grande, dotado de vivenda, cunha interesante canle de condución de auga rematada nun cubo e provisto de dous infernos.

Vamos deixando os muíños atrás mentres percorremos o frondoso tramo de río ata chegar á autoestrada, onde tomaremos unha pista de terra que discorre a carón da AP9 e que, tras un treito de subida, nos conducirá ata o barrio da Esculca, onde poderemos visitar os petróglifos de Mato das Cruces (+42° 23' 35.43", -8° 38' 40.74"). Esta máxica peneda rupestre está habitada por fermosas mouras que, á parte de iren ao fiadeiro a bailar, tamén tiñan por costume pór a clareo as súas roupas sobre esta laxe gravada.

Dende a Esculca podemos dirixirnos cara ao lugar de Birrete e volver ao monte das Croas, onde remataríamos o percorrido, ou optar por un máis amplo encarreirando os nosos pasos cara ao barrio da Armada. Xa na Armada tomaremos a pista que, circundando o recinto da Brilat, conduce ao Outeiro das Mouras ou Chan das Mouras. (+42° 23' 23.13", -8° 39' 54.68"). Neste lugar do monte comunal de San Martiño podemos visitar os valiosos petróglifos do complexo rupestre de Regato dos Buratos ou Outeiro da Mina, e que tan fermosas lendas atesoura. Mouras encantadas que se converten en serpe, mouras que encerran tesouros baixo as penedas, máxicas laxes ocas e indestrutibles... todas se dan cita neste lugar. 

O roteiro continua baixando polo camiño veciñal que cruza o antigo campamento urbano da Brilat, cruzando o lugar do Navalexo ata a Armada e percorrendo as marxes do río Cubela, chamado tamén Outeiro ou Batán. No lugar do Outeiro podemos gozar doutra importante mostra de muíños de grande valor etnográfico e que foron restaurados entre os anos 2012-2013 polos veciños de Salcedo. Seguindo a beira do río, adobiada con cinco muíños, chegamos de novo á mítica ponte do Batán.

E aquí, aos pés do non menos mítico castro do Monte das Croas, damos por finalizada a nosa andaina na procura das mouras que aínda habitan nas lendas e nas xeografías da parroquia de San Martiño de Salcedo.

Descubre aquí máis información sobre este roteiro

0.00

0 votos

Tamén che pode interesar