Novas

Todas as novas

Unha vida entre teas e fíos

Sete costureiras de Lérez contaron as súas experiencias no mundo da costura dende que comezaron a aprender ata que as mans lles responderon.

O oficio de costureira era necesario nunha casa. Sobre todo en tempos nos que as familias eran grandes e a roupa tiña que ser remendada. Na parroquia de Lérez houbo moitas mozas costureiras: unhas por paixón, outras por obligación. Onte contaron as súas experiencias no mundo das teas e dos fíos durante unha xuntanza que tivo lugar na Casa da Cultura de Lérez.

O proxecto ‘A memoria da mulleres’ reuniu a sete daquelas mozas que viviron anos e anos entre agullas, dedais, máquinas, contos e cantigas. Todas elas recoñecen que oficio de costureira era moi escravo, pero para algunhas “era un xeito de ascender, aínda que a min gustaríame máis ter estudiado”, explica Lita. “Eu non quería ir a coser, pero eramos moitos na casa e miña irmá marchara a América e mandáronme a min a aprender para poder remendar a roupa”, explicaba Esther. Sen embargo, todo foi moi distinto, pois “aprendiamos a coser a planchar, era todo traxes e vestidos, pero nada de remendar”, explicaba.

Sen pagar, sen cobrar

Chicha recorda que non cobraban nada, pero tampouco pagaban por aprender. Primeiro adicábanse aos recados: ”a ir buscar fíos e botóns e tiñamos algunha propina cando entregabamos a roupa”. O seguinte paso na aprendizaxe era subrilar as prendas, pero a que colocaba e cortaba era sempre a xefa. “Nos talleres facías o que che mandaban. Ás veces explicábanche algo se había tempo; pero polas clases de corte había que pagar”, recorda Chicha.

Unhas foron aprendendo na casa, con súas nais, outras con algunha familiar que cosía e as que máis foron aos talleres a Pontevedra. Facían moitos quilómetros ao día “cantando no traxecto. Conformabámonos con pouca cousa. Pero tamén eramos un pouco criticadas”, comenta Viruca. Así, as costureiras eran as destinatarias de algunhas cantigas:

‘Costureira, costureiriña

tes as pernas esfoladas

de subir polas paredes

e baixar polas ventanas’

Ao que elas respondían:

‘Mala lengua rexubeira

ti que tes coa miña vida?

a miña casa fumega

a túa xa vai ardida’.

‘Vai á merda, vai á merda

cara de cañoto seco

vai á merda, vai á merda

que eu contigo non me meto’.

Algo de envexa había por parte do resto de mozas, que vían como as costureiras estaban en Pontevedra todos os días, polo que se libraban das tarefas do campo e estaban máis xeitosas. Mais tamén había outras cantigas:

‘Era papel e mollouse

o amor da costureira

era papel e mollouse

agora costureira

o teu amor acabouse’

‘Ali o vai gaiteiro

por detrás do pinal

a tocar unha gaita

e deixalo pasar,

e deixalo pasar,

e deixalo pasar,

ali o vai o gaiteiro

por detrás do pinal’

‘Aprenderme a costura

que ven fixo miña nai

ven a chuva e non me mollo

ven o sol e non me queimo’

Cambio ao casar

Pero contraer matrimonio supuxo para moitas delas un gran cambio. Unhas víronse apartadas do mundo da costura para ter que adicarse á casa, ás veigas, aos fillos e ao home. Outras seguiron mantendo o oficio, pero asumindo todo o anterior, polo que se vían obrigadas a coser de noite ou nos anaquiños que tiñan libres.

O caso de Teresa foi todo o contrario. Cando se casou decidiu comprar unha máquina de coser, con 500 pesetas que lle pediu a seu pai "que estaba casado de segundas e so chegaron 400 pesetas". E sen ter idea algunha de costura púxose a traballar. “Rompín moitas agullas nos dedos, pero eu cosía de todo: pantalóns, camisas, abrigos…" Esther, pola súa banda, foi emprendedora e abriu un taller na Rúa Nova cando a súa mestra enfermou. “Traballaba de 6 da mañán a 10 da noite. Non facía máis ca coser e non saía para nada do taller”.

As máquinas

Falaron tamén das máquinas que empregaban: Singer, Veritas, Refrey, Sigma e cómo as foron conseguindo. O caso máis curioso foi o de Mucha, que recibiu a máquina como regalo dos compañeiros de traballo do seu home. E non foi o único agasallo. Foi sonada na parroquia a serenata que Mucha recibiu da Orquestra Poceiro: o seu mozo era integrante da mesma e levou aos compañeiros ata Lérez para cantarlle e conquistar a Mucha.

E o moito que cambiou a costura? Antes as telas eran máis difíciles de traballar, remedábanse máis as prendas, dábaselle a volta se estaban gastadas, deixábaselle tela por dentro para sacarlle por se a persoa engordaba, de mantas gastadas facían colchas… e cando había difunto alí estaban as modistas para ocuparse do traxe. E cantos vestidos de noiva confeccionaron!

Toda unha vida adicada á costura, que lle deixou pernas e mans durmidas en moitas ocasións, pero da que todas elas se sinten moi orgullosas