Novas

Todas as novas

Propoñen o emprego de nomes de mulleres para a denominación de espazos públicos da cidade

Nos últimos anos coñecemos un amplo abanico de nomes que deben ser obxecto de recoñecemento.

O grupo municipal do BNG presentou o pasado 10 de xullo unha moción na que propón o emprego de nomes de mulleres para a denominación de espazos públicos da cidade. A moción será tratada no pleno da corporación municipal que terá lugar mañá luns. O Consello Municipal da Muller e o Consello Asesor do programa ‘A Memoria das Mulleres’ pronunciáronse a favor de promover a presenza das mulleres nos espazos públicos. 

Desta maneira, o BNG busca facer un recoñecemento ás mulleres que foron protagonistas da historia de Pontevedra e Galiza. Neste momento, a presenza de nomes femininos na denominación de vías e outros espazos públicos é minoritaria en relación cos nomes de homes. 

A labor de estudo e divulgación sobre a historia das mulleres de Pontevedra realizado nos últimos anos permite dar a coñecer un amplo abanico de nomes que deben ser obxecto de recoñecemento. 

Máis protagonismo

Ademais, do uso dos nomes de mulleres para a denominación de espazos públicos, o BNG tamén propón a colocación de rótulos, placas conmemorativas e esculturas que salienten o protagonismo das mulleres na historia da cidade en lugares relacionados coa súa traxectoria vital; a realización e murais e intervencións artísticas; e a organización de actividades divulgativas (publicacións, conferencias, exposicións…) prestando especial atención aos centros educativos. 

Tamén se propón a organización dun roteiro centrado na historia e a memoria das mulleres que poña de relevo o protagonismo individual e colectivo das mulleres na historia da cidade. Así, procurarase prestar especial atención ás mulleres da clase traballadora que desde o anonimato, o traballo sen dereitos e sen horarios, e o silencio da historia contribuíron ao avance de Pontevedra e Galiza. 

A primeira proposta do BNG é denominar o novo acceso sur á cidade (desdobramento da Avenida de Vigo) como Avenida de Josefina Arruti Viaño, compañeira do alcalde de Pontevedra Bibiano Fernández Osorio Tafall, encarcerada e sometida a arresto domiciliario durante tres anos, e símbolo da solidariedade ao abrir o panteón familiar para o enterramento de numerosos represaliados. 

Nomes propostos

Entre os nomes que propoñen para a denominación de vías urbanas están o de Ernestina Otero, profesora e pedagoga; Daría González, profesora e política; Mercedes Ruibal, pintora e escritora; Elisa Patiño, primeira muller aviadora; Vasquida García, menciñeira perseguida pola Inquisición; Dolores Trabado, decana das taxistas; Cándida Otero, primeira galega que exerceu profesionalmente a fotografía; ou Dolores Lois, empresaria e viúva do dirixente socialista e impresor Ramiro Paz Carvajal, entre outras moitas. 

A moción do BNG tamén propón organizar un acto de recoñecemento institucional ás mulleres que foron vítimas de todas as formas de represión como consecuencia do levantamento militar de xullo de 1936: familiares de homes comprometidos politicamente, protagonistas da loita política e sindical, asasinadas, torturadas, encarceradas, vexadas, rapadas, sometidas á persecución…

O valor de complementar

A Comisión Municipal de Cultura do Concello de Pontevedra xa aprobara no ano 2005 unha declaración a prol do uso da toponimia tradicional na denominación de vías públicas, amosando así o compromiso do Concello de Pontevedra coa defensa dos nomes tradicionais dos lugares, un patrimonio de grande valor cultural que está a desaparecer a causas dos procesos de urbanización do territorio. Grazas a ela recuperáronse moitos topónimos no novo viario, como As Regas, Espinelo, Agro da Estrela, Poza dos Canos, Teixoeira…  

O BNG busca agora complementar este criterio coa presenza de nomes femininos no rueiro coa finalidade de situar ás mulleres (con nome propio e con información sobre as súas achegas á mellora da cidade e da sociedade) nos espazos públicos de Pontevedra.