Novas

Todas as novas

Memoria oral, testemuñas e proxectos para poñer en valor a historia silenciada das mulleres

As investigacións e o tratamento da información recollida a través da memoria oral, protagonistas das IV Xornadas de Patrimonio.

A recollida de memoria oral é unha labor que require de moita paciencia e de moito tino por parte do entrevistador. Os resultados son espectaculares cando os tesouros vivos da nosa cidadanía, os nosos maiores e os seus descendentes que manteñen viva unha memoria silenciada durante máis de 70 anos, comezan a falar e abren á cidadanía unha parte moi importante da historia do noso país, unha historia calada, pero que permanece, latexante, e que só precisa de alguén que a queira escoitar. Esta memoria oral foi a protagonista das IV Xornadas de Patrimonio e nove relatores compartiron experiencias, proxectos, xeitos de recollida e abriron a todos os interesados un camiño de luz. 

Raúl Soutelo, profesor de Xeografía e Historia no IES Virxe do Mar de Noia e profesor asociado de Didáctica das Ciencias Sociais na Facultade de Ciencias da Educación da USC, falou dos epistolarios familiares atopados “en baúles. Son xoias que nos permiten rebatir moitas cuestións e descubrir moito máis sobre a emigración, ese fenómeno que mobilizou a milleiros de persoas. Esas cartas son documentos subxectivos, pero son testemuños que explican como e porqué emigraba a xente, como lles foi ou como se asentaron”. 

Tamén falou das mulleres “as grandes descoñecidas da historia, as que ían menos á escola, as que eran man de obra barata na casa dos pais e, despois, na dos sogros” e explicou así o porqué algunhas nais decidían casar as súas fillas cos seus irmáns (tíos das rapazas) para asegurarlle así un futuro bo para elas e para os netos, asegurando tamén o patrimonio familiar. 

Terapia

Manuel Pousa Castelo e María Gabriela Sánchez Cortizas explicaron ‘Tempo de Lembranzas’, un proxecto interdisciplinar e aberto a nenas e nenos de todos os cursos do IES de Mugardos no que invitan aos maiores da vila a contar as súas historias "dolorosas e terribles" conseguindo respostas sorprendentes do alumnado, adolescentes que se sensibilizan co tema da posguerra. Tamén para as testemuñas é unha importante terapia, pois "queda liberados despois de vivir anos silenciados". Os docentes sosteñen que se trata de "historia viva, da que non vén nos libros de texto, e que xera moita empatía nos rapaces porque son os seus avós os que a contan". 

“Houbo historias de mulleres embarazas que foron fusiladas”, indican e recoñecen que estas experiencias tamén supoñen un cambio “nas relacións familiares, pois os rapaces trocan o punto de vista ao descubrir o pasado de tíos, avós…”.

As responsables de Xandobela falaron das Bibliotecas Viventes, un proxecto a través do que a rapazada dos centros de educación secundaria de Vigo descobren os “libros vivos, os nosos maiores que teñen moitas cousas que contar”. “Os maiores séntense escoitados, valorados e os lectores puxeron en valor os nosos tesouros vivos”, explicaron. O proxecto iniciouse no 2011 e cada ano reúne no Museo Verbum a rapaces con ganas de ler libros vivos, uns libros que “teñen moitas historias vitais por contar”. 

Para rematar a xornada do venres, Carmen Suárez , impulsora de ‘Fálame de San Sadurniño’, contou as claves dun proxecto que recolle “fotos que falan, pero non só con palabras, senón tamén con música, con sons, co pasado e co presente”. Aínda que comezou cun proxecto puntual, ‘Fálame de San Sadurniño’ conseguiu fidelizar á comunidade, “que se sinte moi orgullosa deste proxecto colaborativo”. 

Mulleres e memoria

O sábado as xornadas presentaron ao público o proxecto do Concello de Pontevedra ‘A Memoria das Mulleres’, que leva preto de tres anos traballando para dignificar a historia das mulleres de Pontevedra, descubrindo as súas achegas á sociedade e contando o seu sufrimento na posguerra. Así, Luís Bará e María Xesús López Escudeiro falaron sobre a labor que se fai nas parroquias recollendo historias de mulleres traballadoras e loitadoras; o papel dos centros educativos no proxecto, onde atoparon un piar de apoio e de onde xurdiron algunhas historias e contactos moi interesantes; e as homenaxes feitas a mulleres e represaliadas, que son “un xeito de facer xustiza, unha terapia social. Supoñen a divulgación da verdade e tamén un fogar cálido e protector, pois os familiares ven os seus seres queridos recoñecidos e senten orgullo e dignidade”, comentou Bará. 

Escudeiro falou de reler a historia en feminino, da xente “que se sentía orgullosa cando vía as fotos da súa familia na Ferraría” e de como a historia oral ten un papel moi relevante. “Isto supón un empoderamento das mulleres, darlle participación as que non están na historia oficial, pois a presenza feminina é puramente anecdótica”, indica. 

A represión sufrida polas mulleres, o seu silenciamento e o feito de que este fose un tema tabú centrou a conferencia de Montse Fajardo. A xornalista e escritora indicou que coa investigación que se fai coa memoria oral “estamos a resolver dúbidas que xorden ao ler a documentación oficial. Entre os fontes que emprega Fajardo están as investigacións feitas a nivel local, as narracións de familias represaliadas, as aportacións de alumnos de centros educativos de Pontevedra e o “efecto chamada dos propios actos”.

Alejandro Peña, fundador do equipo de desenvolvemento de Dédalo, falou das ferramentas tecnolóxicas para recoller memoria oral e de como foron os inicios, no ano 1998. “Todas las informaciones recogidas tienen una funcionalidad pública”, destacou e repasou os contidos do proxecto ‘Mujer y Memoria’. 

Pola súa parte, Beatriz Díaz, falou das situacións marxinais e silenciadas e da súa experiencia como relatora independente “de temas relegados desde el ámbito universitario”. “Tras la Guerra Civil hubo una situación de total abandono. No se produjo un proceso de reconstrucción del país y el sometimiento fue muy importante para tener al pueblo callado. Había muertos por congelación y por hambre”, indicou. Díaz tamén afondou sobre os temas que relata nos seus dous últimos proxectos: ‘Era más la miseria que el miedo. Mujeres y franquismo en el Gran Bilbao; Represión y Resistencias’ e ‘Herrimemoria’, unha web para a divulgación das historias recollidas dos testemuños orais.