Novas

Todas as novas

‘A Memoria das Mulleres’ continúa coa labor de recollida de imaxes e historias de vida en Santa María de Xeve

Este obradoiro de imaxes terá a súa continuación con outras dúas sesións.

O proxecto ‘A Memoria das Mulleres’, dependente da Concellaría de Patrimonio Histórico, continúa coa labor de recollida de imaxes antigas e historias de vida de mulleres co obxectivo de seguir ampliando o traballo que se leva facendo no último ano e medio e que tivo como máximo expoñente a exposición ‘Do gris ao violeta’, que se pode ver ata finais de mes na Praza de Ourense.

Onte venres o equipo estivo a traballar en Santa María de Xeve nun ‘Obradoiro de Relatos de Imaxes’ e realizou gravacións en vídeo de mulleres que relataron historias arredor de fotografías da súa vida ou da vida de mulleres achegadas. Nesta ocasión participaron no obradoiro seis mulleres previamente seleccionadas e convocadas polas coordinadoras.

Cada participante aportou catro fotografías significativas para ela e arredor das mesmas conversaron para saber máis das súas vidas e das outras persoas que aparecían nas imaxes. O material fotográfico foi escaneado para engadir ao arquivo do proxecto e as entrevistas foron gravadas para formar parte da web do proxecto, que se está a desenvolver. 

Este obradoiro de imaxes terá a súa continuación con outras dúas sesións, enfocadas xa a un traballo máis individualizado para crear un discurso sobre cada unha das fotografías e para gravar en vídeo cada unha das historias.

 

O proxecto ‘A Memoria das Mulleres’ 

O proxecto ‘A Memoria das Mulleres’ ten como obxectivo contribuír ao coñecemento e difusión da historia das mulleres no ámbito territorial do concello de Pontevedra e está a elaborar un fondo documental, gráfico e audiovisual que sexa útil para a información, a consulta e a investigación sobre a materia. O obxectivo final é elaborar unha enciclopedia virtual sobre as vidas das mulleres do noso concello ao longo dos tempos.