Novas

Todas as novas

Facendo memoria das vítimas do 36

Montse Fajardo recolle no libro 'Un cesto de mazás' historias da represión.

Montse Fajardo presentou ante os medios de comunicación de Pontevedra o seu segundo libro, ‘Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu’, no que afonda sobre as consecuencias que a represión tivo para viúvas, nais, pais e criaturas que quedaron orfas. 

Con esta publicación preténdese ampliar o concepto de vítimas da represión. Hóuboas que foron presas, rapadas e que quedaron viúvas e tiveron que soportar o peso da casa. Houbo vítimas evidentes, pero tamén “hai quen segue sen celebrar o fin de ano porque esa foi a data na que mataron ao seu avó”, indica a autora. E esas son as historias que teñen cabida neste libro. Historias contadas de viva voz por aquelas persoas que aínda as recordan e as teñen presentes. E que queren dar a coñecer o que realmente pasou.

O concelleiro de Patrimonio Histórico e responsable do proxecto municipal ‘A Memoria das Mulleres’, Luís Bará, acompañou a Fajardo na presentación ante os medios en Pontevedra e indicou que Pontevedra é o epicentro das historias deste libro porque as persoas protagonistas sufriron aquí a represión: unhas por ser da vila e outras porque as viñan fusilar aquí. 

Para Bará un dos grandes valores do libro é que transmite “emocións e sentimentos de significado universal” o que fai que sexa entendible en calquera parte do mundo. Destaca o concelleiro o arduo traballo de recompilación de historias “pois quedan poucas testemuñas e hai que conseguir que estas falen” e recalca que Fajardo conta cun gran talento neste senso, pois “é moi sensible para tratar o tema e ten moita empatía coas testemuñas”

Presentación na cidade

A cidadanía de Pontevedra poderá asistir á presentación pública do libro o vindeiro xoves, 24 de setembro, ás 20.30 horas no Pazo de Mugártegui. Alí, xunto a autora, estará Carmiña Arruti para falar da súa nai. Recordará como Josefina Arruti pasou de ser a muller do alcalde de Pontevedra, unha señora que era adulada, a ser insultada pola rúa por ‘roja’. Contará tamén outras cuestións sobre como foi a vida familiar logo do xiro que sufriron as súas vidas tralo levantamento militar do 36.

‘Un cesto de mazás’ sairá á venda a finais desta semana ao prezo de 20 euros. Poderase atopar en 256 puntos de venta de toda Galiza e tamén se poderá mercar a través da súa páxina web.