Novas

Todas as novas

As IV Xornadas de Patrimonio céntranse na memoria oral

Terán lugar os días 8 e 9 de abril na Casa da Luz

As xornadas de patrimonio que organiza o concello de Pontevedra, que este ano chegan á súa cuarta edición, céntranse desta volta na memoria oral. A actividade desenvolverase na Casa da Luz o venres 8 de abril pola tarde e o sábado 9 pola mañá. Nas xornadas participarán nove relatores, que analizarán diversos aspectos relacionados coa memoria oral: a recollida de testemuños, a súa transmisión, a divulgación, a aplicación pedagóxica...

O profesor Raúl Soutelo abrirá o encontro o venres ás 17 h con un relatorio sobre “A memoria na investigación e no ensino das ciencias sociais”. A seguir terá lugar unha mesa redonda, na que se presentarán experiencias de recollida de memoria oral: as Bibliotecas Viventes (da cooperativa Xandobela), o programa Fálame de San Sadurniño (do concello de San Sadurniño) e o proxecto escolar Tempo de lembranzas (IES de Mugardos).

O programa do sábado 9 está dedicado a diferentes proxectos de recollida e divulgación da memoria das mulleres. Luís Bará e María Xesús López Escudeiro presentarán o programa municipal A memoria das mulleres de Pontevedra. A xonalista e escritora Montse Fajardo falará sobre a memoria oral e as vítimas da represión franquista a partir das entrevistas realizadas no marco do citado programa. Alejandro Peña presentará o proxecto de investigación e divulgación Mujer y memoria. E a historiadora Beatriz Días falará sobre “Mulleres e franquismo no Gran Bilbao. A represión á luz da memoria oral”.

As persoas interesadas en participar nas xornadas deben inscribirse previamente enviando un correo electrónico a patrimoniocultural@pontevedra.eu indicando nome e apelidos e teléfono de contacto.