Acerca deste proxecto

Tesouros do tempo. Patrimonio cultural de Pontevedra é unha iniciativa do Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Patrimonio Histórico, para a protección, conservación, catalogación e divulgación dos bens culturais do municipio de Pontevedra. Nace ao abeiro do Plan do patrimonio rural iniciado en xullo de 2012, coa ambición de ser unha fiestra permanentemente aberta para todas as persoas que aman, defenden e gostan da historia e a memoria colectiva.  

A web organízase en tres seccións: catálogo, roteiros e novas. A sección do catálogo é un repertorio incompleto dos bens patrimoniais de Pontevedra, organizados en catro categorías: arqueolóxicos, etnográficos, arquitectónicos e infraestruturas. En realidade, a nosa pretensión de cara ao futuro é incluir no catálogo o amplísimo e riquísimo acervo cultural inmaterial que nos foi legado...

Tanto para a tarefa de completar o catálogo dos bens materiais coma para iniciar a recollida e catalogación dos inmateriais, facemos un chamamento ás persoas que poidan achegar ideas, contidos, imaxes, gravacións, etc. O catálogo compleméntase con un apartado de publicacións, na que se recollen documentos diversos que se foron publicando ao longo do tempo e que as veces son de difícil localización.

Na sección de roteiros inclúense propostas organizadas en tres temas: sendas naturais, roteiros urbanos e roteiros nas parroquias. Son unha pequena mostra do amplísimo repertorio de espazos que temos para descubrir e gozar na cidade e nas parroquias.

Por último, a sección de novas ten como finalidade informar das actividades e facilitar a inscrición nas mesmas. Compleméntase con exposicións monográficas sobre temas de interese, que se irán ampliando con novos contidos.

Tesouros do tempo ten unha clara vocación participativa e colectiva. O común é de todos e de ninguén, por iso reclama a atención máis esmerada das institucións públicas e a implicación activa das entidades sociais e das persoas que cren nos inmensos valores do patrimonio cultural como ferramenta de cohesión, de identidade, de dinamismo e de goce colectivo.

Temos moitos tesouros por descubrir, por coñecer, por protexer. As portas están abertas, entra, é a túa casa.