Volver

Ponte medieval de Ponte Sampaio

A ponte que bautiza á parroquia está situada sobre a desembocadurado río Verdugo e une Pontevedra con Soutomaior. Un lugar de grande relevancia histórica.

O motivo é que foi o escenario da popular batalla librada en xuño de 1809 contra o exército de Napoleón, baixo o mando do mariscal Ney. Nela, as tropas invasoras foron derrotadas, o que puxo fin á súa ocupación en Galiza. Unha placa conmemorativa á entrada da ponte, rememora a contenda.

A súa achega ao noso patrimonio histórico e cultural complétase con outros dous feitos: forma parte do Camiño Portugués de peregrinación a Compostela e da Vía Romana XIX, aínda que na ponte non se conservan elementos da época romana.

Malia que non se posúen datos que nos remitan á época exacta na que se edificou, as súas características formais e construtivas responden á Idade Media, de tal xeito que as bóvedas orixinais son de dous centros e lixeiramente apuntadas. Investigacións corroboran a existencia dunha torre defensiva medieval na que se cobraba unha portaxe aos arrieiros e camiñantes que querían cruzala.

Aínda que a forma é a dunha ponte medieval, a que hoxe conservamos presenta profundas modificacións e reconstrucións levadas a cabo ao longo dos séculos, por iso moitos dos elementos que a compoñen derivan destas reconstrucións, sobre todo as realizadas entre os séculos XVI e XVIII.

Formada por dez bóvedas de perpiaño de distintas luces, salva unha distancia de 144 metros, e apóiase sobre piares de gran dimensión que se estenden a través de tallamares triangulares rematando en sombreiriños piramidais. A calzada componse de lastras e continúa soportando o tráfico rodado e peonil, malia o seu estreitamento. Esta emblemática estrutura de arquitectura civil, atópase en bo estado, en parte, grazas á construción río abaixo dunha variante pola que transcorre a N550, o eixo viario convencional norte sur da Galiza costeira.

Río afora, un conxunto de tres pontes ofrece un curioso mostrario. Se a nova ponte da N550 é unha elegante estrutura de dous arcos, xa do século XX, as do tren son dúas celosías de ferro, cun apoio central que divide as pontes en dúas luces. As celosías superiores, unha de finais do XIX e outra de inicios do XXI, son dous espléndidos exemplos da fisonomía ferroviaria de cadansúa época

Camiños do Padre Sarmiento: Pontevedra - Ponte Sampaio

Este itinerario atravesa as parroquias de Tomeza, Canicouva e Ponte Sampaio en Pontevedra, Bértola e Figueirido no concello de Vilaboa e Arcade no concello de Soutomaior.

Roteiro polo patrimonio de Ponte Sampaio

O inicio e final do roteiro sitúase na ponte medieval de Sampaio, de aí o seu sentido circular.

Roteiro entre as rías de Vigo e Pontevedra

Os últimos quilómetros do sendeiro discorren pegados ao río, pasando polo vello balneario de Monte Porreiro e o mosteiro de Lérez.

Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!

Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.

Tamén che pode interesar