Volver

Ponte do Burgo

É a estrutura que simboliza a orixe da cidade, o seu símbolo e emblema heráldico. A súa cabeceira sur é o auténtico quilómetro cero da historia de Pontevedra, sempre en relación cunha ponte: primeiro aquela romana da que se presupón a súa existencia, entre outras cuestións pola toponimia e a presenza de miliarios, pero da que non quedan vestixios; e logo a medieval, enmascarada na actual ponte.

Sábese que o nivel da auga foi medrando e que a ría se foi reenchendo por aportes aluviais, de aí que a mediados do século XII, se levantase outra ponte máis longa, a medieval, probablemente noutro emprazamento distinto, non enriba da construción romana.

As máis importantes obras de consolidación, reforma e ensanche foron as executadas entre 1953 e 1954, que lle deron á ponte o seu aspecto actual. 

Pontes e rituais: o bautismo prenatal 

Por Rafa Quintía. Presidente da Sociedade Antropolóxica Galega

As pontes non só formaron parte da nosa historia e das nosas lendas senón que tamén foron escenario e actores de vellos ritos e ancestrais crenzas. Quizais o rito galego máis famoso relacionado coas pontes e o seu carácetr simbólico sexa o coñecido como bautismo prenatal ou bautismo anticipado.

Cando un matrimonio sufrira repetidos abortos, falecementos do bebé no parto ou mortes prematuras dos seus fillos recorría a este rito como remedio preventivo para evitar que a desgraza volvese repetirse. Para iso era necesario bautizar o neno antes de nacer, é dicir, cando aínda estaba no ventre da nai. O bautismo prenatal celebrábase en Pontevedra na Ponte do Burgo.

Este rito bautismal executábase ás doce da noite e, preferiblemente, o último sábado de mes. Aínda que existen diferentes variantes, a ritualidade fundamental consistía na seguinte: levábase a muller embarazada a unha ponte baixo a que correse un río e na que houbese no seu centro un cruceiro ou, no seu defecto, nas inmediacións da ponte.

A muller tiña que chegar ao lugar un pouco antes da media noite e ir acompañada de homes e mulleres da súa confianza que portaban unha cesta chea de comida e un garrafón de viño. Unha vez na ponte, colocábase a embarazada no centro dela e ao seu lado un fanal aceso. Os acompañantes sitúanse en ambas as dúas entradas da ponte co obxecto de impediren que pase ninguén antes da hora sinalada e que tampouco se coe ningún animal.

Todo o procedemento debía facerse en completo silencio, utilizando para comunicarse unicamente xestos. Tan pronto chegaba o primeiro viandante era parado e facíaselle esperar ata as doce en punto, nese momento a persoa da comitiva que vixiaba a entrada da ponte pola que aparecera o camiñante rompía o silencio e dirixíase a el rogándolle que fixese o favor de bautizar a criatura no ventre da nai. Unha vez aceptada a encomenda, achegabánse a onde ficaba a embarazada e había que dicir: "Hombre o mujer que vienes de fortuna, bautízame esta criatura".

En resposta, o improvisado padriño —ou madriña— botaba sal sobre o seo da nai e auga bendita sobre o seu ventre preñado á vez que recitaba o seguinte ensalmo: "Si é home Manuel se le pone,
si é muller Isabel. Criatura te bautizo en el nombre del Padre, del Hijo y del Espíritu Santo. Amén".

Os nomes citados no ensalmo son xenéricos e adoitaban cambiarse por aquel elixido pola nai. Outras veces, cando o bautismo se celebra sobre un río cuxas augas se mesturan coas do mar, prescindíase do sal e da auga bendita e bautizabáse o ventre da nai con auga do río. Unha vez rematada a cerimonia, a muller cambiábase de roupa e antes de regresar á casa procedían todos xuntos a dar conta das viandas e do viño. O que sobrase do ritual banquete debía arroxarse ás augas do río.

Roteiro Xoan Manuel Pintos

O paseo que se propón pola Pontevedra do século XIX farase a través dos textos de Xoán Manuel Pintos e comprende dez puntos significativos co obxectivo de presentar a figura deste persoeiro, pero tamén facer un repaso polos acontecementos políticos, sociais e culturais do século XIX.

Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!

Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.

Tamén che pode interesar