Volver

Pazo de Gandarón e Laboratorios da Misión Biolóxica

A sede actual da Misión Biolóxica de Galicia é un edificio do século XVIII, de planta en U recentemente restaurado polo arquitecto Mauro Lomba. Destacan dous grandes balcóns da fachada leste e a capela, con pórtico de entrada tamén do XVIII.

Son moi interesantes os edificios situados ao redor dun gran patio dedicados ás necesidades do traballo agrícola.

Nalgúns puntos pódense observar placas composteláns pero o deseño en xeral é sobrio e con pouca decoración. Posúe hórreo, paneira, pombal e románticos xardíns con estanques.

Nas proximidades do pazo, e dentro da súa finca singular, o arquitecto Alejandro de la Sota levantou os Edificios para Laboratorios da Misión Biolóxica, proxecto datado en 1949.

Aquí, Sota afástase da linguaxe clásica e monumental dos edificios institucionais, para encamiñarse cara á sinxeleza formal. Pódese comprobar a suavidade coa que o autor trata os muros de fábrica, eliminando as superficies planas e as arestas rectas nos ocos, así como os chanzos, pasamáns e tabiquería.

A fachada posterior posúe unha singular abstracción na que non existe un orden compositivo claro. Realízase con silleiría de granito de diferentes tamaños, disposta de forma aleatoria. Os ocos reciben distintos tratamentos, refundidos ou con resaltes de pedra de sección recta e sen molduras. Na actualidade, desapareceu a galería orixinaria. 

Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!

Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.

Tamén che pode interesar