Volver

Igrexa parroquial de Santo Estevo

Restaurada en 1986 baixo a dirección de Fontoira Surís, é dunha soa nave e unha única ábsida de plantas rectangulares as dúas, pero a ábsida de menores proporcións.

A fachada norte ten unha cornixa con moldura de perfil achafranado, soportadas por 14 canzorros variados na nave e seis canzorros na ábsida.

Ábrese unha porta no muro da nave, preto da ábsida, cun lintel pentagonal. Unha xanela moderna, grande, ábrese en medio deste pano, pero sen estragar ningún elemento importante. 

O hastial da ábsida ten no seu ápice unha cruz antefixa sobre o carneiro; outra cruz levántase no ápice do hastial da nave, sobre o arco triunfal. 

A fachada occidental é enteiramente moderna, realizada probablemente no século XIX seguindo en parte o estilo neoclásico.

Unha porta neogótica, de directriz apuntada, ábrese no centro da fachada, enmarcada por dúas pilastras de orde toscana que sosteñen un frontón triangular con entablamento e cornixa moi molduradas.

Outras dúas pilastras toscanas, sitúanse nas esquinas do edificio para soportar o frontón de remate da fachada. No centro do friso ábrese un pequeno ollo de boi.

Remata esta fachada unha torre de planta cuadrangular, de catro vans de directriz semicircular, enmarcada por pilastras que se apoian nunha dobre imposta inferior e rematada por un cornixón de listeis con goteirón. A torre sitúase no ápice da fachada.

Consérvase unha pía bautismal románica nos pés da igrexa.

Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!

Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.

Tamén che pode interesar