Volver

Igrexa parroquial de Santa María de Ponte Sampaio

Valle Pérez (1998) sitúa nos últimos anos do S. XII a data de construción do templo románico de Ponte Sampaio.

O terceiro cuarto do S. XII é a cronoloxía que o mesmo autor apunta para datar a primeira fase desta igrexa parroquial dedicada a Sta María, un dos poucos exemplos de arquitectura románica cos que aínda conta a comarca xunto cos achegados de Figueirido e San Martiño de Vilaboa.

O templo consta dunha única nave, bóveda de canón e unha ábsida rectangular na que aínda é posible observar algúns canzorros, xunto co Agnus Dei que se dispón sobre o testeiro. A fábrica dos dous primeiros templos foi totalmente renovada nos séculos XVIII (sancristía) e principios do XX (fachada) conforme ao gusto de cada momento, provocando alteracións tan profundas que a lectura e valoración da arquitectura románica primixenia é, hoxe en día, case unha quimera.

A igrexa de Santa María de Ponte Sampaio é un templo de matriz románica que sufriu diversas reformas ao longo da historia. O elemento de maior antigÌidade é a súa cabeceira xunto cos muros que pechan a súa única nave.

A primeiros do século XX acometeuse a prolongación da nave orixinal, o que obrigou a destruír a súa fachada occidental, construíndo unha nova que nada ten a ver co estilo primixenio. Neste mesmo momento dótase ao interior dunha bóveda de canón que nunca tivera antes, obra para a que foi preciso a labra de catro columnas neo-románicas con capiteis en serie que permiten apoiar a bóveda sobre catro arcos faixóns lisos.

O resto do edificio é totalmente románico. A súa planta rectangular e capela absidal da mesma forma, xunto co arco triunfal en aresta viva lixeiramente apuntado, son algúns dos elementos máis destacados. As dúas portas da nave (unha delas tapiada), os canzorros figurados do presbiterio, xunto co xa citado carneiro místico que coroa o vértice do seu tellado a dúas augas son algúns dos elementos significativos da súa obra medieval.

Por último a súa moderna fachada principal, moi simple e allea a calquera caste de ornamentación superflua, presenta unha concepción axial onde a porta directriz (arco apuntado), un óculo circular, un xanelo e, por último, a torre de campás (catro sinos e bóveda piramidal), se superpoñen en altura antes de adiantarse uns centímetros á liña de fachada para subliñar suficientemente a súa entidade.

Roteiro polo patrimonio de Ponte Sampaio

O inicio e final do roteiro sitúase na ponte medieval de Sampaio, de aí o seu sentido circular.

Roteiro entre as rías de Vigo e Pontevedra

Os últimos quilómetros do sendeiro discorren pegados ao río, pasando polo vello balneario de Monte Porreiro e o mosteiro de Lérez.

Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!

Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.

Tamén che pode interesar