Volver

Igrexa parroquial de San Pedro

O orixinario templo parroquial era de liñas románicas, pero debido ao seu estado ruinoso, iniciouse a construción da actual capela maior a comezos do século XVIII. No seu interior, destaca unha imaxe gótica da Virxe do O, do século XIV.

Esta igrexa parroquial consta dunha soa nave rectangular e con esta forma unha cabeceira tamén pero de menor dimensión. A nave divídese en catro tramos conformados por tres arcos faixóns de medio punto lisos sen dobrar, apoiados en pilastras lisas con baseas en toro e listel con podio, e capiteis en listel, cuarto de bocel e listeliño inferior, tramo liso e listel, bocel e nacela.

Os catro tramos da nave cóbrense con bóvedas de aresta.

Nos muros da nave, no centro dos tramos ábrense grandes ventás no lado sur da fachada occidental, levántanse unha torre de dous corpos e gran portada.

A fachada occidental ten dúas pilastras de ángulo que sosteñen un hastial en piñón moldurado con cruz no ápice.

A portada situada no centro da fachada é de tres corpos, o inferior con porta rectangular adintelada, con recercados multimoldurados que conforman orelleiras superiores.

A porta enmárcase con dúas pilastras de encasetonado que remata a parte superior da porta.

O corpo intermedio constitúeo unha fornela, en arco de medio punto, coa imaxe pétrea de San Pedro.

Esta fornela enmárcase con outras pilastras de casetón corrido, que sosteñen unha cornixa ou tornachuvias moi voado e moldurado.

O tornachuvias serve de arranque a unha grande ventá rectangular, recercada e con orelleiras superiores, que se remata en frontón de arco rebaixado con dous pináculos a ambos lados.

A igrexa, pola súa portada e retablo, conforma un bo exemplo da arquitectuura barroca galega do século XVIII.

Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!

Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.

Tamén che pode interesar