Igrexa Parroquial de San Miguel
Igrexa de medianas dimensión reconstruída no século XVIII sobre a base dun templo románico anterior. Consta dunha única nave rectangular, con cabeceira cuadrangular pero de inferiores dimensións.
A sancristía, apegada ao muro norte da cabeceira, conserva a súa cornixa en gola, que percorre o perímetro de toda a edificación, agás a fachada.
Engadíronselle á ábsida dous contrafortes graníticos nos ángulos co obxecto de contrarrestar á presión da cuberta moderna que a cobre. Ten abertas ventás saeteiras a cada lado da nave que evidencian a orixe medieval do templo.
A fachada occidental é simple, con porta abucinada baixo arco de medio punto enmarcado por pilastras e coroado por fornela central e orixinais esculturas románicas aos lados. Sobre ela un óculo reconvertido en reloxo.
A espadana -datable na Idade Moderna ao igual que o conxunto do frontis- é de dous vans e remata nun frontón triangular parcialmente calado. Un dos elementos máis destacados do templo é o asoportalado que se fixa ao muro sur.
Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!
Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.