Volver

Igrexa parroquial de San Martiño de Verducido

Trátase dunha igrexa de planta de curz latina, construída a mediados do século XVIII. A nave principal cóbrese cunha bóveda de formigón moderna, apoiada en cinco arcos faixóns rebaixados que repousan en cinco pilastras pétreas lisas, con capiteis en cuarto de bocel, nacela prolongada e filete inferior.

Os dous brazos do cruceiro cóbrense con dúas bóvedas iguais, en cantería e de aresta. Os arcos de acceso son grosos, lisos, sobre grandes pilastras lisas que teñen capiteis nun ancho filete superior e outro filete fino inferior.

O cruceiro presenta unha bóveda de crucería, moderna de formigón, e a cabeceira está envolvida por bóveda de canón que arranca dunha imposta en cuarto de bocel e nacela.

O arco triunfal é de medio punto, liso, coa súa aresta exterior achafranada e que conserva varias marcas de canteiro no seu intradós. Unha sancristía de factura posterior apégase polo lado norte a esta cabeceira e a fachada occidental resulta moi vistosa.

Dúas pilastras lisas de esquina con bases en toro e podio e capiteis en dobre filete e talón inferior sosteñen un hastial que se fai rectangular no seu ápice para acoller un escudo. No centro vese unha cruz. 

Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!

Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.

Tamén che pode interesar