Volver

Igrexa parroquial de San Martiño de Salcedo

Igrexa realizada en estilo neoclásico con planta de cruz latina e co cruceiro máis alto que a nave. As súas naves interiores están cubertas con bóvedas de canón de pedras de cantería. A fachada occidental destaca pola súa grande altura, de tres corpos flanqueados por duas esveltas torres.

O corpo baixo ocúpao a súa porta rectangular, que remata en dintel adoelado, con orelleiras superiores e inferiores. Enmarcan esta porta dúas pilastras decoradas con encasetonado corrido que sosteñen unha cornixa moldurada en gola, dous listeis e cuarto de bocel. As molduras do recercado con orelleiras son de listel, listel, gola e listel. As pilastras rematan en floróns.

Sobre a porta, o segundo corpo está composto por unha gran ventá rectangular, con recercado en baquetóns conformando orelleiras nos catro vértices. O último corpo, sobre a gran ventá, constitúeo un grande escudo que quedou sen labrar, reservado sen dúbida ás armas do arcebispo Malvar, natural e gran benefactor desta parroquia e da cidade de Pontevedra.

A fachada remata nun piñón mixtilíneo, en cuxo ápice se sitúa a imaxe de grandes dimensións de San Martiño a cabalo cortando a súa capa coa espada e entregándolla a un personaxe con angarellas. As torres son de tres corpos, o último deles sobresae por encima do piñón da fachada.

Os dous corpos baixos son lisos, de planta cuadrangular e separados por un cornixón. O terceiro corpo, o do campanario, elévase sobre outro cornixón multimoldurado, consta de catro vans rematados en arcos de medio punto, recercados de pilastras lisas, corpos de sección cuadrangular que sosteñen os seus remates en cupulín pétreo, con cruz patriarcal no seu ápice e catro pináculos nas esquinas.

Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!

Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.

Tamén che pode interesar