Volver

Igrexa e camposanto de Santo André

O edificio foi construído en estilo barroco, ao ampliar outra igrexa anterior do século XVI. Rematouse a obra no ano 1748 segundo consta no segundo arco faixón.

A igrexa é de grandes dimensións, dunha soa nave rectangular e unha cabeceira cuadrangular máis estreita e moito máis alta que a nave. Ten a cabeceira apegada polo leste un corpo máis baixo, a sancristía.

A fachada occidental, de hastial truncado, sitúase entre un gran contraforte de esquina polo sur e unha gran torre polo norte. A porta é rectangular con orelleiras superiores e inferiores, con molduras en listel, cuarto de bocel, listel, cuarto de bocel máis pequeno e listel.

Sobre a porta sitúanse dúas grandes molduras con forma de ril, que recercan unha gran venera dobre. Enriba deste motivo decorativo ábrese unha ventá rectangular que dá luz ao coro, con orelleiras nas catro esquinas. Encima da ventá sitúase unha moldura mixtilínea a modo de gardapolvos cunha gran venera no centro. No ápice leva a cruz. A molduración da cornixa do hastial é en listel, cuarto de bocel e nacela na base.

A torre é de dous corpos, o inferior de planta cuadrangular e liso rematado nunha balconada ás catro caras. O corpo superior, tamén cuadrangular, ten catro vans rematados en arcos de medio punto. Complétase a torre con consabido cupulín.

Cinco cruceiros do orixinal Vía Crucis están dispostos arredor da igrexa. Conta cun adro amurallado, con bancada de pedra, deteriorada. O cemiterio está dentro do recinto. A casa reitoral está anexa. 

Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!

Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.

Tamén che pode interesar