Volver

Castro de O Lugar / Castro de O Valo

Outeiro en espolón cuberto por monte baixo, bosque autóctono de carballos e piñeiros de repoboación. Este posible castro atópase destruído nos seus sectores sur e este debido aos aterrazamentos realizados para o cultivo de viñedo e pola construción de vivendas. Cara o norte e oeste e na croa obsérvanse restos de importantes actividades extractivas de pedra e depósitos recentes de entullo.

Aquí recuperáronse 21 pezas de cerámica nas proximidades do castro ao realizarse a limpeza do talude próximo ao CN-541 neste sector. Foron depositados no Museo de Pontevedra.

Trátase dun recinto máis ben oval que aparece defendido por un parapeto dunha altura de uns 10 m que o circunda ao longo do seu sector norte e noreste. Pola súa parte oeste conta cun segundo parapeto que aparece cortado cara o norte e desde o que cae a pendente máis ou menos pronunciada cara o río Almofrei, mentres que os sectores este e sur os sucesivos aterrazamentos realizados para os cultivos de viñedo, e a construción de casas e acondicionamento de terreos provocou a destrución total do elemento nesta zona, sendo imposible delimitar o seu perímetro nesta parte.

A zona máis elevada ou croa aparece delimitada por un muro bastante antigo que, partindo do parapeto, esténdese cara o oeste bordeándoa. En numerosas zonas pódense observar restos de materiais de construción antigos (tégulas, tixolos, algún fragmento de cerámica...). A alteración desta parte é tamén considerable e se observan evidencias de actividades extractivas de pedra e de recheos recentes a base de entullo, lixo...

Nos sectores norte e noreste, aos pés do parapeto, ábrese unha ampla chaira que podería interpretarse como un antecastro, máxime se temos en conta que esta parte debería corresponderse coa caída da ladeira do outeiro.

As dimensións xerais do castro, na súa parte conservada, son de 120 m no eixo norte-sur e 65 m no este-oeste, incluíndo o antecastro.

Camiños do Padre Sarmiento: Pontevedra - Tenorio

Este roteiro parte do que foi a porta medieval de Santa Clara, a entrada natural dos arrieiros que viaxaban entre O Ribeiro e Pontevedra.

Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!

Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.

Tamén che pode interesar