Volver

Capela de San Mamede de Moldes

No lugar de Moldes, onde o pai Sarmiento opina que foi onde estivo establecida a primitiva Pontevedra, existiron as ruínas da igrexa de San Mamede, de estilo románico dos séculos X ao XI. No ano de 1967 foi trasladada ao cemiterio de Moldes (San Mauro). San Mamede foi a primeira igrexa parroquial. No Libro do Hórreo do Cabildo de Santiago aparece esta igrexa contribuindo con determinada renda en especie nos séculos XIII e XIV, cuestión esta que Filgueira Valverde nega.

Para Fontoira Surís, trátase dunha igrexa románica que foi trasladada desde o lugar de Moldes, do mesmo municipio, ao cemiterio municipal de Pontevedra. A súa arquitectura e decoración demostran que xa é do século XII moi avanzado, arcos e bóvedas apuntadas, bóvedas de perpiaño, non de cantaría menor, e capiteis con follas picudas.

A igrexa é dunha soa nave e unha ábsida, ambas rectangulares, con tres contrafortes por cada lado das fachadas laterais e unha porta no lado norte, sobre mochetas lisas e con lintel pentagonal. O aleiro da ábsida ten a súa moldura en caveto, soportadas por canzorros en perfil de nacela. A nave carece de aleiro.

Polo interior, o arco trunfal é apuntado, en aresta viva e dobrada, e paralela a este existe un segundo arco faxón, tamén apuntado e sen dobrar. Os arcos apéanse en catro columnas, de capiteis de decoración vexetal, follas picudas con bolas e ramas en espiral.

As basas non son áticas, senón de dous tampores separados por un tramo recto, situadas sobre plinto e un rebanco corrido. Os ábacos, en caveto, impóstanse pot todo o presbiterio, unindo entre si os capiteis e servindo de arrinque á bóveda.

No centro do testeiro da ábsida ábrese unha xanela, con saeteira central de derrame interno, que por fóra ten unha arquivolta de directriz semicircular en aresta viva apoiada en dúas columnas de capiteis vexetais, fustes monolíticos e basas áticas. A cuberta é de madeira.

Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!

Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.

Tamén che pode interesar