Volver

Caixa Rural do Lérez

Coñecido popularmente como A Farmacia de Lérez, o inmoble que nos ocupa, obra do arquitecto  Emilio Salgado Urtiaga, foi inaugurada no ano 1933.

Para Iglesias Veiga «o proxecto de Caixa Rural do Lérez inscríbese nunha variante da obra de Emilio Salgado na que se acerca ó rexionalismo arquitectónico, estando presente en edificios singulares e sobre todo nos chalés ou vivendas residenciais, se ben algúns elementos ornamentais relacionados con esta tendencia asoman tamén nalgúns inmobles de vivenda colectiva. Unha aproximación epidérmica a esta tendencia, na que segue os dictados da moda, incorporando citas ou referencias decorativas sobre composicións de carácter ecléctico».

Emilio Salgado acumula referencias ou citas diversas, nas que se atopan as influencias de arquitectos como Palacios ou Gómez Román «e outras que proveñen do gusto pintoresco ou dos diversos focos rexionalistas españois». 

Na sede da Caixa Rural do Lérez o arquitecto amosa unha composición de carácter ecléctico que se distancia nas súas siluetas da versión rexionalista proposta por Gómez Román e seguida pola maior parte dos arquitectos galegos que se suman a esta tendencia, mentres que nos detalles ornamentais asume o repertorio neobarroco desta variante de tanta aceptación neses anos en Galicia.

Na definición dos volumes Emilio Salgado opta por unha solución moi utilizada noutros focos rexionalistas, especialmente no cántabro, no que a torre se destaca como marcado elemento referencial do conxunto. Sen embargo, neste caso, o seu carácter esvelto con remate en inclinada cuberta, bufarda superior e agudo chapitel, remítenos ós modelos pintorescos centroeuropeos que con intensidade circulaban nos libros de repertorios ou pattern books. 

Tes fotos, vídeos ou máis información? Entra co teu usuario e envíanolos para completar a ficha!

Non estás rexistrado/a?
Podes facelo nun intre dende aquí.

Tamén che pode interesar