Especiais

Ver todos os especiais

Unha vida adicada a revolucionar os dereitos das mulleres

Ernestina Otero loitou por conseguir melloras na educación. Co levantamento militar de 1936 comezaron as denuncias e persecucións á súa contorna familiar e de amizades.

Ernestina Otero Sestelo nace en Redondela en 1890. Filla do boticario Pedro Otero e de Lucila Sestelo, Ernestina cursa a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra. Obtén o grao de ‘Maestra Superior’ coa calificación de sobresaliente. Dende ese momento, ten moi claro que hai que revolucionar os dereitos das mulleres, sobre todo, rachando a ideoloxía dominante de que as féminas teñen que ser formadas como boas fillas, nais e esposas.

Logo de formarse na ‘Escuela de Estudios Superiores del Magisterio’ en Madrid, Ernestina accede en 1915, a través dun concurso de méritos, á praza de Profesora de Pedagoxía da Escola Normal de Pontevedra, situada no vello edificio do antigo colexio dos Xesuítas, onde ela mesma fixera os seus estudios de Maxisterio. A súa implicación co centro é total: promocionando actividades propias ou paralelas ao centro, colaborando na creación de cantinas e roupeiros escolares para atraer aos rapaces á escola, promovendo viaxes culturais a museos, lugares históricos, instalacións industriais, centros de investigación…

Casada moi axiña co boticario Luís Pereira, o matrimonio establece a súa residencia en Pontevedra. Primeiro ocupan un chalé preto de Santa Clara e finalmente instálanse na rúa da Oliva, integrándose e participando plenamente na vida social de Pontevedra, fervedoiro de iniciativas e proxectos.

En 1920 contribúe decisivamente a que o seu vello mestre Luis de Zulueta (posteriormente ministro de estado na República) se presente ás eleccións a deputado a cortes polo distrito de Redondela fronte o caciquismo imperante, co apoio das sociedades agrarias e de mariñeiros e os colectivos progresistas do distrito. Non conseguiron ese obxetivo nese intento, se ben foron quen de arrebatar o escano aos liberais na seguinte convocatoria en 1923.

A proclamación da Segunda República achega ao profesorado innovador a mellor oportunidade de contribuír, mediante a educación e a cultura, ao desenvolvemento social. E, para as autoridades republicanas, a profesora Otero Sestelo é unha das persoas máis idóneas en Pontevedra cara a posta en marcha da reforma educativa. En consecuencia, involúcrana en numerosas iniciativas e confíanlle un certo tempo a dirección da Escola de Maxisterio (Escola Normal), recentemente instalada no novo edificio da denominada Gran Vía. Tamén nesta altura asume a Presidencia do “Consejo Provincial de Primera Enseñanza” do que forma parte durante case que catro anos.

Entre as numerosas iniciativas levadas a cabo nesta etapa compre salientar a organización de cursos de reciclaxe para os mestres rurais, o fomento da asistencia á escola -con especial atención ás meniñas- prestando o seu apoio á creación de novas cantinas escolares na provincia, promoción da educación de adultos, creación de novas escolas, cooperación coas xuntas municipais na utilización dos campos agrícolas experimentais, dos talleres artesanais e industrias relacionadas co desenvolvemento do país, ou o fomento do estudo e investigación das características históricas, xeográficas e culturais de Galicia.

En febreiro de 1933 apoia o Manifesto dos intelectuais galegos a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia como un compromiso público máis coa súa Terra e a democracia. Ernestina e mais a inspectora Mª Cruz Pérez, son as dúas únicas mulleres que asinan o documento. Co levantamento militar de 1936 comezan as denuncias e persecucións en toda a súa contorna familiar e de amizades, e no mes do novembro é suspendida de emprego e soldo, figurando na primeira listaxe de depuración do distrito universitario de Santiago na que aparecen tamén, entre outros, Castelao e Tafall.

En xuño do ano seguinte, vítima das humillacións e agresións físicas falece o seu home, e dez días máis tarde, o BOE recolle a orde pola que é separada definitivamente da súa cátedra. O único medio de subsistencia, unha vez desmantelado o fogar pontevedrés e de volta a Redondela, son as pasantías, das que tira cartos para manter aos seus, pagar as continuas multas que lle impoñen e axudar aos presos políticos e as súas familias, actividade esta que mantería ate o final da súa vida. E mesmo a rebotica familiar convértese nun roupeiro, neste caso para os condenados a prisión.

Coa arbitrariedade propia das Comisións de Depuración, unha vez rematada a guerra, revisan o seu expediente e deciden repoñela no seu cargo, se ben con traslado forzoso fora de Pontevedra e inhabilitada para “cargos directivos y de confianza”. A Normal de Ourense vese deste xeito beneficiada con esta medida durante unha longa década, especialmente dura para os amantes da libertade e máis aínda nas súas circunstancias persoais.

Xa en 1951, malia non se ter dobregado á situación política imperante, permíteselle participar nun concurso de traslados que a devolvería á súa inesquecible Pontevedra, mesmo naqueles escuros anos, cunha Normal totalmente distinta a aquela que tivera que deixar e un claustro no que ela se sentiría dalgún xeito allea.

Para Herminio Barreiro, Catedrático de Historia de Educación da Universidade compostelá, alumno dela nesa etapa, “na Escola Normal de Pontevedra dos anos cincuenta, e xa ao final da súa carreira, Ernestina Otero era a representación máis auténtica do vello espírito renovador da Institución Libre de Enseñanza de Giner y Cossio e da mellor tradición innovadora republicana. Nas súas clases citábanse como un murmurio, nomes non recollidos nos libros de texto oficiais ou experiencias pedagóxicas como a Escola Nova da que ela foi fiel seguidora”.

E o 13 de febreiro de 1956, cun corazón esgotado, falecía repentinamente en Redondela aquela formadora de numerosas promocións de mestres e mestras galegos, símbolo, de novo en palabras do profesor Barreiro “da emancipación feminina e feminista da primeira metade do século XX”.

Materiais de descarga