Especiais

Ver todos os especiais

Tradicións máxico relixiosas en Tomeza

O documental Terra de Pastequeiro resume os rituais de sanación que ainda se levan a cabo nesta parroquia de Pontevedra

O documental 'Terra de Pastequeiros' é a parte máis visible do proxecto 'Palabras Secretas' que conduce Ana Lois. Este traballo, que recolle os rituais de sanación que aínda se levan a cabo na parroquia de Tomeza, está financiado polo Concello de Pontevedra e forma parte dun traballo máis amplo que recolle historias de toda Galicia. 

Este documental recolle as historias dos pastequeiros. Contan que os canteiros de Tomeza trouxeron o Pasteco de Portugal, onde aprenderon a tirar o mal de ollo armados cunha estola, un libro de misa, unha cruz, o pan, o viño...

Facían a bendición dentro da igrexa, como se fosen o mesmo cura. E utilizaban unha oración en latín, que ninguén entendía moi ben, e que incluía as palabras pax tecum (a paz sexa contigo).  Destas verbas latinas naceu a nosa palabra pasteco ou pastequeiro. E hoxe en día, por extensión, chámanlle pastequeiro a quen tira o mal de ollo aínda que non cure dentro da igrexa e non leve estola.

Houbo moitos homes pastequeiros en Tomeza. Eran persoas xeralmente humildes, que traballaban no campo e nas canteiras e que bendicían na maioría dos casos a cambio dun cacho de pan. Houbo tamén mulleres que tomaron o seu relevo e aprenderon as súas bendicións.  Os seus alcumes son aínda ben coñecidos na parroquia: o Garamillas, o Carrizo, o Manso...

Algúns curaban en San Cibrán, dentro da capela. Pero tamén en igrexas de parroquias veciñas, como na de Santa Marta ou Santa Comba. Ás veces ían ó cemiterio e outras facían o traballo na propia casa. O maior misterio que hai hoxe en Tomeza é saber onde foron parar os libros dos pastequeiros. Xa foron varias as persoas que se achegaron a min despois de ver este pequeno vídeo para preguntarme se atopara "o libro". Outros dixéronme que o viran, pero que se comprometeran a non falar del. E se hai alguén que aínda o conserva, prefire mantelo en segredo. Non nos molesta. O misterio pode ser unha gran fonte de inspiración. 

San Cibrán 

O monte de San Cibrán é o lugar máis máxico de Tomeza. A lenda di que na súa aba apareceu a figura en pedra do Santo, nun lugar que aínda chaman a fonte das Frairas. Os veciños intentaron trasladalo á igrexa parroquial, pero os dous bois que levaron para tirar do carro foron incapaces de mover o seu peso. Máis tarde, dúas vacas fracas levárono sen ningunha dificultade ó alto do monte, á croa do que fora un castro, ó lugar no que hoxe está a súa capela. O santo escolleu, pois, o lugar no que quería ser venerado. E así se fai dende entón. 

Cada luns de Pascua celébrase o San Cibrán, unha romería que atrae milleiros de persoas tódolos anos. Ten sona o santo de curar o meigallo, por aquilo de que foi bruxo antes que santo. E os veciños confían tanto nel que non só soben o día da festa, senón en calquera momento do ano.

Dan 9 voltas arredor da súa capela en sentido contrario ás agullas do reloxio. E para ir contando as voltas tiran unha pedriña ó tellado da igrexa cada vez que completan unha. A algúns veciños non lles gusta este costume. Din que antigamente se tiraban allos, ou se botaba unha moeda no peto da porta de cada vez, ou incluso hai quen di que se ia contando polos dedos. En todo caso, con pedras ou sen elas, na zona aseguran que o seu poder non falla nunca.

O ramo que se leva a bendicir ó San Cibrán protexe tamén a casa do mal ollo durante todo o ano. E se alguén ten na casa un amuleto, un alicorno, ou un obxecto que quere bendicir, aproveita tamén o día da festa para levalo á igrexa. 

Veredes  moita xente o día da festa pasando 7 ou 9 veces por debaixo do santo e tocándoo cun pano ou co propio ramo. Algúns din un pequeno conxuro, outros rezan e outros fan o ritual en silencio.

Para quen non pode ir ó San Cibrán, hai remedios caseiros contra o mal de ollo.  Un deles consiste en bendicir a persoa coa gorra ou o pantalón dun home, pero ten que ser un pantalón ou unha gorra que fosen á misa. 

Aquí podes ver o video completo: Pedras contra o mal de ollo

O Alicorno de Tomeza

Ó pé do monte de San Cibrán, na parroquia pontevedresa de Tomeza, gravei o meu primeiro alicorno. Era o primeiro obxecto máxico que atopaba e aínda hoxe non deixou de fascinarme, sobre todo polas formas tan diferentes que adopta.

Aquí en Tomeza, o alicorno é un corno de cervo ou de corzo. Noutros lugares pode ser un anel de vacaloura, o dente dun xabaril, unha pedra… 

Este é un obxecto máxico moi común nesta parroquia. Por cuestións de tempo gravei só cinco. Outros tres quedaron para máis adiante. E estou segura de que hai bastantes  máis en casas nas que aínda non preguntei. 

O alicorno non só o usan os da casa. É un obxecto que se empresta moitas veces cando outros veciños precisan utilizalo. A maior preocupación do seu dono, entón,  é saber en que casa está e asegurarse de que llo devolvan en bo estado. Devolver un alicorno raspado ou roto é a mellor maneira de gañar unha enemizade. 

Nieves tiña un alicorno herdado pero emprestouno moitas veces e acabaron por estragarllo. Entón viaxou ata Asturias para conseguir este que agora nos ensina. Con el bendice as pezoñas da xente da casa.

O alicorno úsase facendo cruces sobre a parte afectada mentres se recita o ensalmo. Despois, introdúcese o corno en auga. Se fai burbullas dentro da auga quere dicir que a persoa ten pezoña. Os primeiros días, o alicorno fai moitas burbullas, pero así que o veleno vai pasando, as burbullas van tamén diminuíndo. Por iso, algunhas mulleres diranvos que o alicorno "fala", porque vai contando como está a enfermidade.

Aínda que Nieves non ten tempo para dedicarse a bendicións, ás veces a xente que a coñece vén a que ela lle pase o alicorno. Contoume orgullosa como lle chegou un día unha moza chea de pezoña a poucas semanas do seu casamento. E por suposto, casou coa pel impecable.

Descubre máis segredos sobre o Alicorno pinchando nos vídeos: O Alicorno de Tomeza e O agocho do Licornio.