Especiais

Ver todos os especiais

O CITA, unha ollada ao pasado

O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais conta cunha maqueta táctil que reconstrúe fisicamente o pazo-fortaleza e dispón de pantallas táctiles que inclúen datos e xogos interactivos.

O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais ofrece unha nova visión do pasado de Pontevedra. Permite unha achega ao coñecemento sobre o que foi un dos monumentos máis emblemáticos da historia de Pontevedra, coa ponte medieval e a igrexa de Santa María a Maior.

O primitivo castelo ergueuse a comezos do século XII e pouco despois Fernando II dóalle a vila co seu castelo ao arcebispado de Santiago. A fortaleza apenas se verá afectada polas guerras irmandiñas pero, en cambio, sufriu graves danos durante o enfrontamento entre Alonso II de Fonseca, arcebispo de Santiago, e Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga, durante a guerra civil que entre os anos 1474 e 1477 enfrontou aos partidarios de Sabela a Católica e aos de Juana a Beltraneja, irmá e filla de Henrique IV de Castilla.

A comezos do século XVIII os ingleses incendian o pazo que queda practicamente destruído agás a súa imponente torre da homenaxe que aínda se usará como prisión. A finais do século XIX decídese a súa total demolición.

O Centro de Interpretación

Construído no subsolo, aproveitando o foso defensivo do pazo-fortaleza das Torres Arcebispais, o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) é o primeiro centro museográfico municipal da cidade de Pontevedra. O edificio foi construído no soto, aproveitando o foso defensivo do pazo-fortaleza das Torres Arcebispais descuberto durante as obras da avenida de Santa María.

O centro, que ocupa 715 metros cadrados, era a base da fachada da fortaleza, ou escarpa, e o o muro exterior, de peor factura, a contraescarpa. A estrutura inclúe unha ponte levadiza para o acceso á fortaleza. Os restos arqueolóxicos resultan sorprendentes porque o foso defensivo está situado cara o interior da vila, dado que o pazo-fortaleza protexíase do exterior pola muralla defensiva de Pontevedra, da que formaba parte. Durante as obras atopáronse tamén 24 bólas bastas de pedra que foron utilizadas no seu día como proxectís de catapulta.

O deseño arquitectónico busca a posta en valor do oco aberto polas escavacións, que se integra no circuíto museístico. O Cita ten como único elemento en superficie un acceso, a modo de boca de metro acristalada, na rúa do Mestre Mateu.

Buscando a interactividade

O centro museográfico, está dividido no seu interior en tres partes ben diferenciadas. A entrada ofrécese unha información contextual da Pontevedra medieval e moderna e sobre o propio edificio do pazo-fortaleza. A recepción aos visitantes está apoiada en pantallas táctiles e o enfoque esta moi orientado ao turista e a un público novo, buscando a interactividade. Neste espazo hai na maqueta coa reconstrución do edificio do pazo-fortaleza.

A parte central do CITA está consagrada á observación da escarpa e a contraescarpa e ás características defensivas deste inmoble. Nesta parte amósase a ponte levadiza e unhas balas pétreas de catapulta, así como as marcas de canteiro e algunhas pezas cerámicas atopadas nas escavacións.

Finalmente, ao fondo exhíbese un audiovisual en tres dimensións, que esta dispoñible en galego, español e inglés e, que conta tamén con versión subtitulada especial para xordos.

O museo inclúe tamén unha maqueta táctil que reconstrúe fisicamente o pazo-fortaleza das Torres Arcebispais (incluíndo tamén rotulación en Braille), cunhas pantallas táctiles que inclúen datos e xogos interactivos concibidos dun xeito pedagóxico e divertido. 

 

Horario de apertura

De mércoles a domingo de 11:00 a 14:00. 
Venres e sábados: 18:00 a 21:00. 
Días de peche: luns e martes.
Visita previa reserva. Teléfono de reservas: 986 090677.

Prezos
2 euros para o público en xeral.
1 euro para maiores de 65 anos, estudantes, menores de entre 8 e 16 anos, grupos familiares a partir de catro membros e desempregados.
De balde para os nenos menores de 8 anos.

Preme aquí para ver o vídeo sobre o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais.