Especiais

Ver todos os especiais

Facendo memoria das nosas mulleres

O proxecto ‘Pontevedra: a memoria das mulleres’ porá en marcha un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres de Pontevedra.

O 7 de novembro de 2013 celebrouse unha xornada sobre a recuperación da memoria no ámbito local que deu comezo ao proxecto ‘A memoria das mulleres’. Luís Bará, concelleiro de Patrimonio Histórico, explicaba os obxectivos e liñas de actuación do proxecto, que ten como finalidade rescatar do esquecemento a vida e a historia das mulleres pontevedresas, con atención especial ás mulleres da clase traballadora. 

O proxecto ‘Pontevedra: a memoria das mulleres’ porá en marcha un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres de Pontevedra, de maneira que de xeito colectivo e cooperativo se poida coñecer máis e darlle difusión a historias particulares e colectivas das loitadoras do noso concello.  

Con toda a información que se vaia recabando, búscase crear unha enciclopedia virtual sobre a vida das mulleres ao longo dos tempos, para que poida ser coñecida e gozada por todos, así como incrementar a presenza da memoria e a historia das mulleres no espazo público urbano. Tamén se quere promover a participación dos centros educativos nestes estudos e divulgacións.

En decembro de 2013 constituíase o consello asesor do proxecto ‘A Memoria das Mulleres’, formado por profesionais relacionados co estudo, a divulgación e a promoción de políticas públicas relacionadas coas mulleres. María Xesús López Escudeiro, Teresa Casal, Salomé Álvarez, Carme Vidal, Aurora Marco, Pilar Allegue, Cristina González, Rosario Portela, Xosé Álvarez Castro, Patricia Arias, Carmen Suárez, Montse Fajardo, Carmen Fouces, Anxos Riveiro e Luís Bará forman parte deste consello asesor, que se reunirá dúas veces por ano. 

Programación mensual de actividades 

Dentro das liñas de traballo do proxecto figura o desenvolvemento dunha programación mensual de actividades. No mes de xaneiro tivo lugar un encontro arredor do libro ‘Matriarcas, mulleres en pé de vida’ da xornalista Montse Fajardo. Esta publicación recolle as testemuñas de dez mulleres de distintos puntos de Galicia que, contando a súa vida, destripan a realidade do matriarcado que sostiña a sociedade galega da posguerra.  

En febreiro celebrouse un recital poético musical de homenaxe a Rosalía e en marzo tivo lugar a proxección do documental de Uqui Permuy ‘Doli, doli, doli... coas conserveiras’, que fala da vida das traballadoras nas fábricas de conserva. 

No mes de abril houbo o roteiro temático ‘O río, o mar e as mulleres’, que tivo tanto éxito que se volveu repetir no mes de maio. Neste mes tamén se organizou unha homenaxe a Ernestina Otero, profesora e directora da antiga Escola Normal de Pontevedra, e celebrouse o II Simposio ‘A Memoria das Mulleres’, que nesta ocasión xirou arredor sobre a escola represaliada e resistente que se viviu durante o franquismo. 

No mes de xuño, os veciños de Pontevedra tiveron a oportunidade de coñecer a vida das costureiras de Lérez. Lita, Mari Carmen, Viruca, Teresa, Peregrina, Esther e Carme contaron as súas experiencias persoais no mundo das teas e os fíos

Xornadas formativas ‘A Memoria das Mulleres’

Nesta xornada sobre a recuperación da memoria no ámbito local, interviron Carmen Suárez Nieto, Antón Caeiro e Patricia Arias. Carmen Suárez foi impulsora do programa ‘Memoria de muller’ (Xunta de Galicia, 2007-2010) e explicou o proxecto ‘Fálame de San Sadurniño’, un espazo vivo e integral da memoria local deste pequeno concello coruñés. 

Pola súa banda, Antón Caeiro presentou o proxecto ‘O faiado da memoria’, que comezou no ano 2008 e ten como obxectivo recoller e divulgar o patrimonio gráfico, documental, sonoro e audiovisual de Vilagarcía de Arousa e a súa contorna. 

A derradeira intervención foi a de Patricia Arias, que presentou o traballo de recuperación da memoria no eido educativo a través da experiencia desenvolvida polo IES As Bizocas d´Ogrobe. O instituto xa ten publicadas tres obras escritas polo alumnado do IES As Bizocas despois de pescudar na memoria oral das súas familias

‘A memoria das mulleres’ na escola

O programa municipal A memoria das mulleres conta coa colaboración de seis centros escolares de ensino primario e secundario: o IES Luís Seoane, o IES Martín Sarmiento, o CIFP A Xunqueira, o CIFP Carlos Oroza, o CEIP San Bieito de Lérez e o CEIP San Martiño de Salcedo. Todos eles se inscribiron na convocatoria que fixo o Concello e durante o curso realizaron traballos de investigación mediante a recollida de fotografías, gravación de entrevistas e redacción de biografías.

O CEIP San Martiño de Salcedo organizou o concurso de redacción ‘A Muller Traballadora’, no que participaron os rapaces deste centro. Pola súa banda, o CIFP A Xunqueira, o Martín Sarmiento e o Carlos Oroza acolleron charlas sobre o libro ‘Matriarcas’. 

A Concellaría de Patrimonio Histórico valora moi positivamente a implicación da comunidade escolar no labor de investigación e documentación sobre a historia das mulleres, xa que reforza a dimensión aberta e participativa do proxecto. Na mesma liña, está previsto contar coa colaboración de asociacións veciñais e culturais, que xa teñen feito exposicións e outro tipo de actividades que poden ser moi útiles para complementar as liñas de traballo do proxecto.